Thursday 16 de May de 2024

A Xunta garante a atención psicolóxica especializada ás víctimas da violencia de xénero con discapacidade auditiva ou de fala


A secretaria xeral da Igualdade destacou esta medida na inauguración dun acto organizado pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na inauguración do Encontro Autonómico de Mulleres con capacidade, organizado pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), no que reiterou que a Xunta garante a atención psicolóxica especializada ás vítimas de violencia de xénero con discapacidade auditiva ou de fala.

López Abella lembrou que o pasado mes de abril a Vicepresidencia da Xunta asinou un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero, e complementariamente para as súas fillas e fillos menores e outras persoas do seu entorno familiar que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero, e atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, e como novidade recolle a garantía de acceso ao programa de atención psicolóxica especializada para persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala

A secretaria xeral de Igualdade detallou que está establecido ademais a posibilidade de dispor no CEMVI de persoal especializado, xerocultoras, terapeutas, no caso de algún ingreso de mulleres con discapacidade, ou persoas delas dependentes con discapacidade, que precisen de axuda. Ademais, o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero de Santiago contempla unha atención específica para mulleres con discapacidade que sofren violencia de xénero, e está adaptado tamén ás necesidades das persoas con mobilidade reducida.

Nesta liña, a titular de Igualdade lembrou que o goberno galego ten a disposición das mulleres vítimas de violencia de xenero unhas axudas económicas ca finalidade de proporcionarlles apoio económico para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, condicións que lles posibiliten dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo. A secretaria xeral quixo recordar que a violencia de xénero afecta a mulleres de todo tipo e condición, como as mulleres con discapacidade, polo que precisan de medidas de acción positiva complementarias con respecto ao resto das mulleres.

Neste sentido, o VI Plan galego para a Igualdade recolle tamén actuacións orientadas á mellora da información e empoderamento das mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero. Entre estas accións, destaca a promoción da educación sexual e formación especializada, a atención especial ás persoas con discapacidade vítimas da violencia de xénero e o tratamento de urxencia dos casos de violencia a través dos recursos destinados a persoas con discapacidade.